No DOG de hoxe publicouse a Orde do 2 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2019 e 2020 (DOG nº 99 do 27 de maio de 2019).

 

OBXECTO

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública de subvencións para o financiamento de programas de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e a súa execución, correspondentes aos exercicios de 2019 e 2020, xestionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

 

A QUEN VAI DIRIXIDO?

1. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións ás que se refire esta orde, as entidades privadas que, á data de entrada en vigor desta convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados no correspondente certificado de profesionalidade ou tivesen solicitada a inscrición mediante declaración responsable nesa data na correspondente especialidade formativa non vinculada a certificado de profesionalidade, na Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que lles permita impartir a formación para a que solicitan subvención nas modalidades presencial ou mixta.

2. Igualmente poderán ser beneficiarios os centros e entidades de formación que achegasen, antes da presentación da solicitude do programa formativo, a declaración responsable sobre o cumprimento dos requisitos esixidos para a súa inscrición no rexistro para impartir especialidades formativas non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, consonte o disposto no artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

 

OBRIGAS DAS ENTIDADES BENEFICIARIAS

1. Constitúen obrigas da beneficiaria as sinaladas neste artigo e nos artigos 42, 43 e 44 desta orde, sen prexuízo doutras obrigas establecidas nesta orde, na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que a desenvolve, na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Achegar a información e documentación que se requira durante a fase de instrución do procedemento e execución do programa formativo, así como ter á disposición dos órganos de control competentes os documentos acreditativos da asistencia das persoas participantes ás accións formativas, debidamente asinados por elas segundo os requisitos mínimos que se establezan.

3. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e polo Servizo Público de Emprego Estatal, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Someterse ás actuacións de supervisión, control e comprobación que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa, así como a calquera outra actuación, de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio de actuacións anteriores.

5. Someterse ás actuacións de avaliación, seguimento e control, internas e externas, segundo o Plan anual de avaliación, recollido no artigo 18.2 do Real decreto 34/2008, do 18 de maio.

6. Presentar a xustificación do cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión da subvención, así como da realización e dos custos da actividade que fundamenta a concesión.

7. Incorporar, xunto coa conta xustificativa dos gastos efectivamente realizados, un informe de revisión de conta xustificativa de subvencións, asinado por unha persoa auditora inscrita no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), nos termos que preceptúa a Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións.

8. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas, coa referencia común a todos eles á formación para o emprego.

9. Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados ao abeiro desta orde, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión. Así, xunto coa documentación xustificativa, a entidade beneficiaria deberá achegar os documentos bancarios onde aparezan claramente identificados os ingresos da subvención percibida no sistema da entidade beneficiaria, agás o da liquidación final, que se remitirá no momento da súa recepción.

10. A entidade beneficiaria da subvención estará obrigada a conservar durante 4 anos os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención, así como da aplicación dos fondos recibidos. O prazo computarase a partir do momento en que finalice o período establecido para que a entidade beneficiaria presente a citada xustificación. No suposto de accións cofinanciadas con fondos comunitarios, aplicarase a este respecto o que estableza a normativa comunitaria.

As entidades que, sen que transcorrese o citado período, decidan suspender a súa actividade ou disolverse, deberán remitir copia compulsada ou orixinal da citada documentación á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

11. Comunicarlle á Administración autonómica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Estes ingresos serán incompatibles coa subvención que corresponda, polo que esta será minorada na cantidade xa percibida.

12. As entidades beneficiarias das subvencións deberán acreditar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditar resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta obriga poderá ser substituída pola declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso das entidades que se recollen no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13. Subscribir, con carácter previo á percepción do financiamento público, un compromiso verificable de calidade na xestión, transparencia e eficiencia na utilización de recursos públicos. Este compromiso estará referido ao seguimento da impartición e asistencia de todas as persoas participantes, á súa satisfacción co desenvolvemento da acción formativa, cos seus contidos, cos seus resultados, á calidade do profesorado e ás modalidades de impartición.

14. Ter realizado ou, de ser o caso, garantido as devolucións de cantidades concedidas e pagadas en convocatorias anteriores e cuxa devolución lle fose exixida mediante reclamación previa á vía executiva ou mediante resolución de procedencia de reintegro, salvo que se aplicase a suspensión do acto.

15. Non incorrer no falseamento de datos contidos na solicitude ou nos documentos e certificados presentados aos órganos competentes na tramitación das solicitudes e na concesión das subvencións.

 

REQUISITOS

– Para os programas de formación para a cualificación e recoñecemento profesional, así como para calquera tipo de programa no que se imparta formación parcial acumulable asociada á obtención de certificados de profesionalidade, as entidades de formación deberán estar acreditadas con anterioridade á data de publicación da presente convocatoria para aqueles certificados de profesionalidade que constitúan o obxecto da solicitude de subvención. Nestes supostos, as instalacións que presente a entidade na solicitude para levar a cabo a execución do programa non se poderán modificar durante o seu desenvolvemento.

Así mesmo, as entidades deberán cumprir por cada certificado de profesionalidade, polo menos, os requisitos establecidos nos reais decretos reguladores de cada certificado de profesionalidade na impartición de formación correspondente á mesma familia profesional.

– Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

A xustificación polas entidades solicitantes de non estaren incursas en ningunha das anteditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable que deberá incluír no modelo de solicitude que se contén no anexo I, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como referirse á capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, e de aulas, talleres e instalacións, en xeral, para asumir a xestión das actividades formativas que solicita.

De ser o caso, naqueles supostos en que nunha aula estea previsto impartir máis dunha especialidade, a declaración responsable deberá recoller a manifestación expresa da entidade de que as ditas especialidades poden impartirse cos mesmos medios.

A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen, poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, e na dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 

A ONDE ACUDIR

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

SECRETARÍA XERAL DE EMPREGO

DIRECCIÓN XERAL DE ORIENTACIÓN E PROMOCIÓN LABORAL

SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN LABORAL

SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DA PROMOCIÓN LABORAL

San Lázaro, s/n

15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)

Teléfono: 981546842

Fax: 981544604

Email: sx.promocionlaboral@xunta.gal

ÓRGANO RESPONSABLE

DIRECCIÓN XERAL DE ORIENTACIÓN E PROMOCIÓN LABORAL

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

Prazo de presentación: PECHADO, 28/05/2019 – 27/06/2019.

O prazo de presentación de solicitudes será dun 1 mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

 

RESOLUCIÓN

Prazo de resolución: tres meses.

Sentido do silencio: non especificado.

 

ENLACE Á NORMATIVA

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190527/AnuncioG0424-100519-0008_gl.html

 

ENLACE Á SEDE ELECTRÓNICA DO PROCEDEMENTO

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR302A